Thursday 28 de March de 2024

O Concello de Lousame conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero de forma en liña coa campaña “A árbore do bo trato”


A árbore acollerá mensaxes contra a violencia machista e a prol da igualdade e a corresponsabilidade enviadas pola veciñanza

O Concello de Lousame vén de poñer en marcha a campaña para a prevención da violencia contra as mulleres “A árbore do bo trato”, unha iniciativa en liña aberta á participación de toda a veciñanza. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “diante da situación sanitaria actual, decidimos este ano evitar actividades grupais como a tradicional Andaina contra a Violencia de Xénero e apostamos por unha actividade máis segura, empregando as novas tecnoloxías e a través da nosa páxina web e as nosas redes sociais”.
Así, a campaña “A árbore do bo trato” consiste nunha imaxe simbólica dunha árbore, nesta ocasión unhas sobreiras da localidade de Seoane, das que irán brotando froitos en forma de propostas para a promoción do bo trato. Eses froitos serán vídeos, fotos con texto e imaxes con son de veciños e veciñas de Lousame trasladando ideas sobre o que cada persoa, colectivo ou a sociedade en xeral pode facer para promover o bo trato e loitar contra a violencia machista.
Para facilitar a participación, o Concello de Lousame instalará un photocall na Casa Consistorial coa imaxe da campaña para que as persoas que o desexen poidan gravarse ou fotografase diante del para participar. Os vídeos e/ou fotografías poderán enviarse por WhatsApp (689 126 385) ou por wetransfer ( nos@noscomunicacion.com ). As pezas, segundo se vaian recibindo, incorporaranse nunha páxina web da campaña, á que se poderá acceder dende a web municipal ( www.concellodelousame.gal ) e dende o Facebook de Lousame (facebook.com/concello.delousame). Na semana do 25 de novembro estrearase nas redes sociais de Lousame un vídeo que recollerá todas as achegas.
“A árbore do bo trato” é unha campaña de prevención da violencia de xénero organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. A campaña está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Igualdade.
Outras actividades
A pesar da non celebración da Andaina, a Concellería de Igualdade traballa en máis actividades paralelas á campaña “A árbore do bo trato”. Así, nos próximos días terá lugar unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, inicialmente programada para principios deste mes pero que tivo que ser adiada por motivos sanitarios, diante da ausencia de varias das persoas que a integran. A sesión celebrarase en breve, nunha data e modalidade aínda por determinar, xa que non se descarta que teña lugar mediante videoconferencia, como a do pasado 8 de maio.
A maiores, dende o pasado mes de outubro o Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, está a desenvolver o programa “Lousame Coeduca”, subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade. “Trátase dun programa de actividades de sensibilización dirixidas a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e na escola, en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias”, explica a concelleira.
De feito, a participación na campaña “A árbore do bo trato” figura entre as actividades que a rapazada do colexio realizará durante esta semana e a que vén.